O PP esgota os carteis das Festas da Peregrina e anuncia unha nova tirada
Por Redacción
O cartel das Festas da Peregrina que deseñou este verán o PP de Pontevedra pola súa conta ante a ausencia de deseño por parte do Concello está a ser todo un éxito. Así o recolle o partido, que asegura que os 500 exemplares impresos se quedaron curtos mesmo antes de finalizar as festas.
A acollida do deseño do artista pontevedrés Rafael Prieto foi, segundo o PP, "espectacular" e desbordou as previsións máis optimistas da formación. "Era a primeira vez que se facía algo así e era moi difícil acertar coa tirada. O noso cálculo quedóusenos curto", sinalou o presidente local do partido, Jacobo Moreira,
Moreira trasladou este xoves as súas desculpas aos veciños que se quedaron sen o seu exemplar, e anuncia que xa está a traballar para que todo aquel que o desexe poida dispoñer dun. Ademais, dado o éxito, xa avanza que repetirán para o próximo ano, e seguirán recollendo suxestións dos pontevedreses.
Segundo indicou o presidente dos 'populares' pontevedreses, tamén están valorando introducir cambios tales como facer unha tirada con carteis de menor tamaño e a posibilidade dun concurso ante as peticións de varios artistas locais que amosaron o seu interese en participar.