O Concello de Ponte Caldelas asina dous convenios en beneficio do colexio da Reigosa
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas axudará á asociación de nais e pais (ANPA) do colexio da Reigosa no financiamento das actividades extraescolares que desenvolvA ao longo deste ano. A colaboración alcanza os 3.150 euros e acaba de oficializarse coa sinatura dun convenio.
Este é o segundo convenio en cuestión de días que asina o Concello en beneficio deste centro educativo. Hai escasos días, o alcalde, Andrés Díaz, asinou outro acordo coa Dirección do colexio por valor de 1.000 euros para financiar o custo das actividades escolares, que se realizan en horario lectivo, polo propio centro.
En total, o apoio económico municipal a este centro incrementouse máis dun 50% dende o comezo do mandato.
Este último convenio asinouno o alcalde coa representante da ANPA 'A Fracha', Susana Piñón. Durante a xuntanza, houbo plena coincidencia sobre a necesidade de dotar ao centro do servizo de comedor escolar, unha obra prometida hai xa varios anos pola Consellería de Educación, xunto coa urxente ampliación do ximnasio.
Andrés Díaz volveu recalcar a dispoñibilidade do Concello para falar coa Consellería de Educación do financiamento destas dúas obras, aínda que non sexan de competencia municipal. "Estamos dispostos mesmo a pedir un crédito para afrontalas, porque falamos de algo que é necesario para mellorar as instalacións educativas e tamén para facilitar a conciliación laboral e familiar", engadiu.
Relacionadas:
-
Convenio para financiar as actividades da ANPA do instituto de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
O goberno local de Ponte Caldelas, disposto a asumir a construción do comedor escolar da Reigosa
Por Redacción |
-
Editan un boletín informativo co balance dos dous anos do novo goberno local de Ponte Caldelas
Por Redacción |
-
Ampliar o ximnasio e construír un comedor, demandas do Concello para o colexio da Reigosa
Por Redacción |