Marín acollerá durante todo o mes de abril as I Xornadas sobre Patrimonio Galego
Por Redacción
A Asociación Queremos Galego de Marín organiza ao longo do mes de abril as I Xornadas sobre Patrimonio Galego nas que se realizarán diversas rutas de visitas e actividades como a presentación de libros ou documentais.
As xornadas arrincarán o próximo 4 de abril coa presentación do libro Herdeiros pola forza, de Xurxo Ayán e Manuel Gago, que presentarán a obra na biblioteca municipal Vidal Pazos de Marín ás 20.00 horas.
Trátase dunha recopilación de vivencias e experiencias profesionais dos últimos 15 anos na investigación de Gago e Ayán, no que aboga por "transformar un modelo enquistado e esclerotizado" da xestión do patrimonio galego, coa intención de devolver á sociedade a súa propia memoria.
Así mesmo, porase en valor a iniciativa patrimoniogalego.net, que conta co maior catálogo en liña dos bens culturais galegos, o cal ten máis de 3.000 fichas.
Entre outras actividades, as xornadas incluirán unha visita ao castro da Subidá, guiada polo arqueólogo de Marín e profesor da Escola de Restauración de Pontevedra, Álvaro Arizaga; realizarase un roteiro polos molinos de Loira ou presentarase o anuario Fol de veleno. Estas actividades concluirán cunha visita guiada denominada Solpor nos sete camiños.