Tolerancia e amor libre na segunda edición da 'Gholifesta'
Por Redacción
O vindeiro sábado 19 de agosto, e por segundo ano consecutivo, Bueu acollerá a denominada 'Gholifiesta'.
Este evento mantén a súa filosofía de "loita pola tolerancia e o amor libre", sinala o Concello, aínda que nesta ocasión cambia de localización e horario para celebrararse na Estacada entre as 16:00 e as 20:30 horas.
Entre as actividades previstas destacan unha exhibición de zumba ás 16:15 horas, unha sesión de improvisación teatral ás 17:00 horas e a explosión de música e cor que terá lugar a partir das 18:30 horas da tarde.
A 'Gholifiesta' baséase no tradicional festival hinduísta Holi na honra aos deuses Radha e Krisná, que se celebra en países como India ou Nepal marcando o inicio da primavera ou o comezo do novo ano caracterizándose pola pintura en po que os asistentes utilizan para pintarse creando unha gran nube multicolor.
O día da festa poñeranse á venda packs que inclúen mochila, camiseta co deseño desta segunda edición e varias bolsas de cores para lanzar durante a explosión de cor, todo por un custo de 9 euros dos que unha parte doarase á escola María Soliña na India, dirixida pola canguesa Neneta Herrera.
PECHE PARA O CICLO DE MONICREQUES E CINEMA NA RÚA
A representación teatral 'A cabeza do dragón', da compañía Cachirulo, pechará este martes 15 de agosto na Praza Massó (21:00 horas) o programa estival de monicreques, mentres que o mércores ás 22:00 horas, na mesma localización, proxectarase a última película do ciclo de cinema na rúa, titulada 'A vida de calabacín'.