Para polbo, o de Bueu
Por Redacción & Diego Torrado
A Festa do Polbo de Bueu volveuse a converter, un ano máis, nunha das festas gastronómicas máis populares de Galicia. Miles de persoas acudiron durante os tres últimos días ao campo da Estacada para degustar este exquisito produto das nosas rías.
O polbo, ademais da súa variante máis coñecida, o polbo á feira, foi preparado polos organizadores dunha vintena de formas diferentes nesta décimo oitava edición da festa.
As variedades tiñan un custo de 5.00 euros e de 8.50 euros, segundo a ración, e foron ofrecidas por dous establecementos: O Rincón de Cela e Frigoríficos Rosa de los Vientos.
Rosa de los Vientos ofreceu empanada de polbo de trigo, empanada de polbo de millo, croquetas de polbo á feira, arroz de polbo, faba con polbo, paté de polbo á feira, polbo á prancha con cachelos, polbo frito en Aires de Xaén, polbo á feira, e polbo en caldeirada.
Pola súa banda, O Rincón de Cela presentou empanada de polbo de millo e trigo, wok de polbo, e croquetas de polbo, polbo á feira, polbo á prancha, polbo en caldeirada, pizza de polbo e carpaccio de polbo con ourizos e afumado guerande.
Ademais, a festa contou cunha ampla programación de actividades paralelas, entre elas as actuacións da Banda de Gaitas Manxadoira e o grupo vigués Pelepau.