Incautan preto dun cento de armas prohibidas a unha vendedora ambulante de Portonovo
Por Redacción
Ata un cento de armas prohibidas, segundo a Garda Civil, incautáronse nun posto de venda ambulante que estaba instalado en Portonovo. Á súa titular, unha muller de nacionalidade romanesa, investígaselle por un delito de tenencia e venda de armas prohibidas.
A operación, levada a cabo polos efectivos da patrulla fiscal e fronteiras e unha dotación de seguridade cidadá de Vilagarcía, produciuse durante a pasada madrugada no transcurso dunha inspección rutineira que realizaron nos distintos postos de venda ambulante en Portonovo.
Nun dos postos, a Garda Civil puido comprobar que, entre outros obxectos, estaban expostas á venda preto dun centenar de chaves de puxilato, consideradas como armas prohibidas, cuxa venda e tenencia está tipificada e penada polo vixente Código Penal.
Entre as armas incautadas había 46 puños americanos, 24 navallas bolboreta, 28 estiletes, compostos á súa vez por tres coitelos, así como unha lanterna que no seu mecanismo esconde un puñal.
As armas incautadas quedaron depositadas no cuartel da Garda Civil de Vilagarcía de Arousa, a disposición do xulgado de instrución número 3 de Cambados ao que se lle remitiron as dilixencias.