Ventura e desventuras no coso taurino de San Roque
Por Marisa Ciordia & Diego Torrado
Recén comezadas as festas da Peregrinas a Feira Taurina entraba no seu ecuador, o cal tan pouco é dicir moito dado que falamos de tres festexos. E este segundo tiña "o seu aquel", ver aos irmáns Rivera Ordóñez no rodo sabendo que -de non haber volta atrás- sería a última vez en Pontevedra. E unha das desventuras foi esa, unha desafortunada tarde co aceiro e unha despedida da afección en San Roque sen pena nin gloria, sendo xeneroso.
Antes de volver co capítulo "desventuras", arranquemos con Ventura. Foi a súa tarde, sen ningunha dúbida. Unha orella no primeiro e dúas orellas no cuarto, volveron abrir un ano máis a porta grande desta praza. Quentou o ambiente do festexo a lombos de Lambrusco, e sobre todo con Fino e Lio en banderillas. Subiu a Bombón no último terzo, cun rexón de morte efectivo pero cuestionable
Veuse arriba (e non só pola montura) no segundo touro dos Espartales, un ferro que tamén lle está brindando varios triunfos esta tempada. Pegou a Nazarí ao máximo da res con galopes de costado, e tras Soño subiu a Remate con aires elevados. Pediu permiso para a colocación das "rosas" e entre abalos e piruetas ao galope puxo ao público en pé. Tras un rexón de morte máis afortunado que o primeiro, deixou sen orellas a "Petenero".
Paquirri, Francisco Rivera, saíu á area en busca de "Utrero" cunha longa cambiada de xeonllos, xunto ás táboas; e xenuflexo seguiu co capote ata chegar ás verónicas. Tras o terzo de varas, o sevillano quixo poñer banderillas, fíxoo e ben nos tres pares. Brindou ao público a súa faena, e sentado no estribo comezou. Sucederon pases sen ligazón, soltos. O intento que fixo por tourear ao natural supúxolle un banderillazo na cara ao pase do touro. Desventura tamén de sorte suprema, picou irremediablemente e foron dous puntillazos os que acabaron co animal. Os pitos escoitábanse nos tendidos.
No quinto da tarde sacou máis a man esquerda coa muleta; o público tamén sacou máis a man para responder con aplausos. Pero...volveu a desventura do aceiro, picada no costado da res, que sen forza, enseguida caeu ao chan. Rapidamente a cuadrilla apuntilló ao animal para concluír con "Enlutado". Pitos, aplausos e algún que outro pano no tendido. Marchou, foise Paquirri nun ambiente frío con case trinta graos.
Cayetano repetía por segundo ano consecutivo nesta tarde de sábado. A anterior fora o seu debut en San Roque como matador. Parar, amornar e mandar; os mandamentos do toureo que este Rivera Ordóñez practica na praza. Con calma, con temperanza. Dous estatuarios e o pase do desprezo cos que pechou o repertorio antes de ir a por a espada. Matou á primeira. Outra das desventuras da tarde en estivo nesa saída na que o touro o enganchou de forma perigosa, pero da que finalmente saíu sen graves consecuencias. Orella e petición de segunda.
No último da tarde e tras pasar pola enfermería (onde a atención foi case maior de sastrería que sanitaria) foi "oleado" nos lances de capote e tamén cos doblones na muleta. Aínda que o de Loreto Charro non estaba por axudar para saír aos ombreiros, Cayetano insistiu e insistiu. Non foi posible, matou de media estocada e un descabello.
E entre Ventura e desventuras, xestos. Xestos entre irmáns: o do maior pasando o brazo polo ombreiro do pequeno mentres este agarda a saída do touro por chiqueros. E un golpecito no ombreiro que di: sorte!. Ou unha carreira á area para cerciorarse de que o irmán pequeno está ben, que o susto foi iso. E un último xesto, o do toureiro que sae a pé pola porta grande, camiño da Enfermería, nesa segunda ocasión para dar as grazas.
FICHA DO FESTEXO:
Praza de touros de San Roque, Pontevedra. Sábado 12 de agosto do 2017, segundo festexo da feira taurina da Peregrina.
TOUROS DOS ESPARTALES E MARÍA LORETO CHARRO: Os Espartales, Badaxoz. Divisa: azul e branca. Sinal: orejisana esquerda e muesca dereita. Procedencia actual: Juan Pedro Domecq e Díez. María Loreto Charro, Salamanca. Divisa: azul, branca e encarnada. Sinal: orejisana en ambas. Procedencia actual: El Pilar. Os Espartales: 1º, Utrero, negro, cuatreño, 530 quilos. Aplausos en el arrastre. 4º, Petenero, negro bragado, cuatreño, 540 quilos. Aplausos en el arrastre. María Loreto Charro: 2º, Parasolillo, negro listón, cuatreño, 525 quilos. 3º, Preferido, negro, ollo perdiz e bociclaro, cuatreño, 510 quilos. 5º, Enlutado, negro bragado, meano e axiblanco, cuatreño, 515 quilos e 6º Quitaluna, negro e 540 quilos.
DIEGO VENTURA: Unha orella no primeiro da tarde. No primeiro touro con: Lambrusco, de cor castaña e raza lusitana, no tercio de saída; Fino, tordo e de raza lusitana, en banderillas; Lío, en banderillas, e Bombón - último tercio-, estes dous últimos das últimas incorporacións á cuadra de Ventura. Dúas orellas no cuarto da tarde, con: Guadalquivir, alazano e de raza árabe, en el tercio de salida; Nazarí, castiñeiro e raza lusitana en banderillas; Soño, castiñeiro e raza lusitana, en banderillas e Remate, albino e raza lusitana,para o derradeiro tercio. Saída aos ombreiros pola porta grande.
FRANCISCO RIVERA, PAQUIRRI: Pitos no primeiro e división no segundo con aplausos, algúns panos e pitos. Despedida sen glorias da afección pontevedresa.
CAYETANO RIVERA: Unha orella con petición de segunda no seu primeiro e silencio no segundo do seu lote. Aplausos na súa saída de San Roque. Tras o terceiro touro da tarde, pasou pola enfermería.
Relacionadas:
-
Reencontro e aniversario histórico para a segunda tarde da Feira Taurina da Peregrina
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- Juan del Álamo e Santiago Domecq resultan os máis valorados nas Conversas taurinas de PontevedraViva Radio
Por Marisa Ciordia |
-
Con permiso de Juan del Álamo, adeus presidente
Por Diego Torrado & Marisa Ciordia |
-
A tarde dos debutantes pecha a Feira Taurina da Peregrina
Por Marisa Ciordia |
-
"Barquerito" sumarase aos dous carteis restantes da Feira da Peregrina
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- Segunda cita coa Feira Taurina en PontevedraViva Radio
Por Marisa Ciordia |
-
O reencontro de Ferrera e Fígaro
Por Marisa Ciordia & Diego Torrado |
-
Un concurso de recortadores abre este sábado a feira taurina da Peregrina
Por Redacción |
-
RADIO.- As Conversas na Ferrería inician o seu "ciclo taurino"
Por Marisa Ciordia |