A tarde dos debutantes pecha a Feira Taurina da Peregrina
Por Marisa Ciordia
Savia nova anunciaba PontevedraViva na Feira Taurina da Peregrina do pasado ano e eses novos valores toureiros seguen chegando a Pontevedra. López Simón e Álvaro Lorenzo estreáronse no ciclo de 2016, o toledano con mellor fortuna que o madrileño ao lograr saír aos ombreiros pola porta grande de San Roque. Nesta ocasión os debutantes son dous triunfadores en San Isidro: Juan del Álamo e Ginés Marín.
Comezando polo primeiro de terna, Juan del Álamo debuta de luces, dado que o pasado xullo xa pisou a area pontevedresa ao participar no tentadero organizado pola empresa Lozano en colaboración coa Coordinadora de Peñas Taurinas.
O salmantino Jonathan Sánchez Peix tomou a alternativa en 2011. En 2014 foi considerado o toureiro revelación pola Federación Taurina, o mesmo ano en que cambiou de apoderado. En 2015 conseguiu facer a súa "escapada" no escalafón logrando triunfos en Bilbao, Salamanca ou o premio ao mellor toureiro do suroeste francés. A tempada seguinte ampliaba o seu ronsel cun soado triunfo en Fallas e unha faena con indulto na súa terra charra natal. Resistíase a porta grande en San Isidro, e finalmente este 2017 conseguiuno.
Ginés Marín tomou a alternativa en 2016 e previamente desde o seu debut en 2013 o currículo do xerezano é de infarto. Este ano confirmaba nas Ventas abrindo a porta grande e saíndo como triunfador de San Isidro, co premio ao toureiro revelación e á mellor faena. Exultante tempada engadindo triunfos en prazas como a de Pamplona ou Santander. O seu último compromiso antes de pisar Pontevedra, leste mesmo sábado en San Sebastián.
Quen conseguiu gañarse o aprecio da afección pontevedresa é o toledano Álvaro Lorenzo, participando en tentaderos nesta praza. O ano pasado debutaba vestido de ouro, tras tomar a alternativa en Francia (un día antes que o seu compañeiro de terna, Ginés Marín, con quen compartía confirmación este 2017 na mesma tarde das Vendas). Nesa primeira tarde en Pontevedra saía aos ombreiros como tamén o fixo esta tempada en Toledo e Santander.
Os tres novos mestres lidarán reses de Santiago Domecq. A gandería gaditana procede actualmente de Torrestrella e os chamados "Juanpedros" tamén Domecq. Este de Pontevedra será o terceiro dos compromisos da tempada para o ferro de Domecq Bohórquez.
Relacionadas:
-
RADIO.- Juan del Álamo e Santiago Domecq resultan os máis valorados nas Conversas taurinas de PontevedraViva Radio
Por Marisa Ciordia |
-
Con permiso de Juan del Álamo, adeus presidente
Por Diego Torrado & Marisa Ciordia |
-
Ventura e desventuras no coso taurino de San Roque
Por Marisa Ciordia & Diego Torrado |
-
"Barquerito" sumarase aos dous carteis restantes da Feira da Peregrina
Por Marisa Ciordia |
-
RADIO.- Segunda cita coa Feira Taurina en PontevedraViva Radio
Por Marisa Ciordia |