A parte interna da ría de Pontevedra reabrirá ao marisqueo 19 anos despois
Por Redacción
A parte interna da ría de Pontevedra, comprendida entre a punta de Praceres e o peirao de Lourido, reabrirá ao marisqueo 19 anos despois. Fora catalogada como zona C no ano 1998, pero a partir deste venres a súa clasificación pasa a zona B, o que implica que se poderá volver comercializar directamente o marisco extraído na zona.
Coa clasificación como zona C só se podía extraer molusco se logo se depuraba nunha zona de reinstalación ou se destinaba á conserva, pero a mellora substancial da súa clasificación microbiolóxica permite que pase a ser zona B.
A nova clasificación significa que o marisco extraído desa zona é apto para o seu consumo en fresco, con todas as garantías de calidade e salubridade, sempre que se someta a un sistema de depuración.
A Consellería do Mar deu a coñecer unha resolución do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia emitida este venres con este cambio de clasificación e tamén unha mellora na calidade sanitaria no polígono de bateas Vilagarcía A (GAL-19), que pasa de estar clasificado como B a facelo como A.
O cambio de clasificación fíxose de acordo a lexislación vixente e os protocolos establecidos, ao obterse ao longo do ano dez resultados analíticos consecutivos compatibles coa clasificación á que muda.
Esta reclasificación é positiva para o sector marisqueiro, xa que favorece que os mariscadores poidan saír a traballar de forma normal, recuperando uns ingresos económicos propios pola súa actividade profesional, grazas á extracción dun produto totalmente apto para o consumo tras ser depurado.