Un coche sen ocupantes cae á auga no porto de Pedras Negras
Por Natalia Puga
Un vehículo baleiro protagonizo un rechamante incidente na noite deste xoves no porto de Pedras Negras, no Grove. Poucos minutos despois das 22.00 horas, caeu á auga por causas que se descoñecen.
O Centro de Atención de Emerxencias de Galicia 112 tivo coñecemento do ocorrido sobre as 22.20 horas e alertou á Garda Civil de Pontevedra, que trasladou varias patrullas ata Pedras Negras para facerse cargo da intervención.
O vehículo que caera á auga logrou ser recuperado ao longo da noite deste xoves. No momento no que se perdeu o control sobre o mesmo e acabou no porto non había ocupantes no interior, de modo que as primeiras investigacións da Garda Civil apuntan a que se puido producir un descoido no que non se activou o freo de man e o coche moveuse e caeu porto abaixo.