O BNG levará ao Parlamento o "grave" estado de abandono de Castiñeiras
Por Redacción
O BNG denuncia a "gravidade" do estado de abandono en que se encontra o parque forestal de Castiñeiras e anuncia que no mes de setembro promoverá a aprobación dunha iniciativa parlamentaria para desenvolver un plan urxente de conservación e mantemento deste espazo. O obxectivo é que recupere o seu antigo esplendor e se convirta de novo nun gran espazo ambiental, social, cultural e de lecer e nun atractivo para o turismo.
O deputado do BNG no Parlamento de Galicia Luis Bará visitou este mércores a zona con representantes da comunidade de montes e do Concello de Vilaboa e anunciou que vai promover un acordo parlamentario para instar á Xunta de Galicia a que desenvolva este plan de actuación, no que tamén se debería apostar pola promoción do parque.
Segundo recolle o BNG a través dun comunicado, os comuneiros trasladáronlle que a Xunta está a incumprir o convenio asinado no ano 2001, con 30 anos de vixencia, que obriga a desenvolver un plan anual de actuación nas máis de 20 hectáreas conveniadas. A comunidade de montes comunicou a situación en repetidas ocasións, pero non obtivo resposta da Consellería de Medio Ambiente.
Luis Bará mantén que o estado de deterioro e de abandono do parque é evivente e vai cada vez a máis, o que está a causar tamén moitas queixas. Entre outras evidencias, constátase unha falta de coidado e de tratamento do xardín botánico e das zonas arboradas ou que a lagoa artificial, o elemento máis emblemático do parque, está practicamente seca.
O BNG asegura que o valado de madeira que rodea a área do parque está deteriorado e en moitas zonas está derrubado no chan ou non existe; unha senda de terra que se arranxou o ano pasado ten varios puntos en mal estado pola acción das chuvias e as escorrentías; o mobiliario está deteriorado e en mal estado; os baños precisan mellorar o mantemento e limpeza; as zonas dedicadas a mesas e asadoiros están en moitas partes invadidas pola maleza; e hai unha deficiente sinalización tanto nos accesos como no propio parque.
Ademais, os nacionalistas manteñen que esta situación de deterioro, declive e abandono vaise ver acrecentada polo traslado do Centro de Recuperación de Aves que ata agora estaba ubicado no parque, en terreos de Marín, ao Concello de Cerdedo-Cotobade.
Relacionadas:
-
Os socialistas urxen a recuperación do parque de Cotorredondo
Por Redacción & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
Bota a andar ao grupo de traballo para "salvar" Castiñeiras
Por Redacción |
-
O PSOE intenta sen éxito forzar no Parlamento que a Xunta entre na Fundación Lago de Castiñeiras
Por Redacción |
-
Críticas á marcha do Centro de Fauna Salvaxe de Castiñeiras para Cotobade
Por Redacción |