A estatua de Asorey volve presidir o acceso ao Hospital Provincial
Por Redacción & Cristina Saiz
A escalinata de acceso ao Hospital Provincial renovou imaxe este xoves. En realidade, recuperou unha que xa tivera no pasado, pero que deixara atrás hai moitos anos. Este xoves regresou á súa localización orixinal a estatua de Francisco Asorey dedicada a Manuel Cabanelas, benefactor do centro hospitalario.
A estatua estivera historicamente situada na escalinata, pero anos atrás trasladouse a un xardín situado no lateral do Hospital Provincial. Nos últimos meses, tras as obras realizadas para habilitar a nova praza do Hospital, decidiuse o seu traslado á súa localización orixinal, pero antes realizouse unha actuación para a súa recuperación.
Segundo informou o Concello, o monumento tiña unha gran colonización de líquenes, musgos e algas que comeran a pedra. Hai semanas retirouse do seu emprazamento no xardín e trasladouse a un taller para o seu tratamento. Ademais, aproveitouse para corrixir intervencións realizadas ao longo dos últimos anos.
Aproveitando que pasou polo taller da restauradora Mercedes Cifuentes e que se cambiou a súa localización, o Concello tamén optou por situalo sobre un soporte de pedra igual ao orixinal que tiña o monumento en 1946.
A instalación da estatua xa limpa e restaurada produciuse á primeira hora da mañá deste xoves. A actuación serve para pechar o proxecto da nova praza do hospital.
Relacionadas:
-
Retirada a estatua de Asorey do Hospital para comezar a restauración
Por Redacción |
-
A reforma integral da contorna do Hospital Provincial incluirá unha estatua en homenaxe aos doantes
Por Natalia Puga |
-
Comeza a integración do Hospital Provincial na nova praza peonil
Por Redacción |
-
A final de mes inaugurarase a Praza do Hospital
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |