Pedaladas denuncia que un patinete eléctrico circula pola beirarrúa de José Malvar a "gran velocidade"
Por Redacción
Ao redor dunha decena de socios da asociación Pedaladas alertaron a axentes da Policía Local ao atoparse este xoves cun patinete eléctrico baixando pola beirarrúa da rúa José Malvar Figueroa ás 12.15 e ás 13.20 horas a "gran velocidade" e facendo soar unha bucina para que se apartasen os peóns.
Quique Pérez, directivo deste colectivo, sinala que estes vehículos en Pontevedra teñen prohibido circular pola zona peonil agás que estean expresamente autorizados por unha ordenanza municipal, que non é o caso.
Estes vehículos están considerados ciclomotores e deben contar cun seguro e unha matrícula especial, ademais o seu condutor debe contar con licenza e levar casco.
Os condutores destes patinetes eléctricos poden ser multados con 200 euros por circular por zona peonil ou con 500 euros por circular cun vehículo non autorizado para facelo pola vía pública se non cumpren cos requisitos que establece a lei de Seguridade Viaria e o Regulamento de Circulación.
Segundo expoñen desde Pedaladas na actualidade a lei obriga aos patinetes eléctricos levar unha matrícula, seguro, licenza de condución e o uso do casco obrigatorio por tratarse dun vehículo a motor.