Proxectan a construción dunha grande área deportiva e de lecer no monte de Salcedo
Máis de 73.000 metros cadrados. É o espazo que ocupará a grande área deportiva e de lecer que, de forma conxunta, proxectan o Concello de Pontevedra e a comunidade de montes de Salcedo nos terreos que recuperaron os comuneiros da Brilat, onde se asentaba o antigo campo de tiro e a aldea afgá da base militar.
Trátase, segundo o concelleiro Alberto Oubiña, dun proxecto "ambicioso" que busca acadar un aproveitamento "multifuncional" do monte de Salcedo, con infraestruturas "respectuosas co medio ambiente" e que pon en valor os terreos forestais "fronte á eucaliptización".
Esta actuación inclúe a construción dun campo de fútbol de herba sintética, que ocupará o espazo central destes terreos, unha área de aparcamento con 137 prazas, un parque infantil e unha zona de xogos cardiosaudables, un campo da festa para a organización de eventos, un circuíto para a práctica de BMX, unha pista de atletismo, un rocódromo e unha carballeira.
O proxecto está en fase de redacción e a idea é poñelo en marcha -o que será a primeira fase- no segundo semestre do 2018. Esta primeira fase será a construción do campo de fútbol, que ocupará 11.300 metros cadrados e dará servizo prioritario ao equipo da parroquia, a SCD Salcedo, e o aparcadoiro.
Ten por diante unha tramitación complexa xa que o Concello terá que recadar informes de Cultura -pola inxente cantidade de restos arqueolóxicos da zona-, Medio Rural e máis o Ministerio de Defensa, pola súa proximidade a unha instalación militar.
A directiva dos comuneiros xa se comprometeu coa iniciativa que foi presentada hai días no Consello Parroquial de Salcedo, recibindo o apoio de todos os colectivos que o integran. Así, a comunidade de montes cederá o uso dos terreos ao Concello para que impulse esta actuación lúdico-deportiva.
O seu presidente, Fernando Pintos, enmarcou esta iniciativa nun proxecto global de recuperación do monte de San Martiño, que inclúe unha explotación forestal sostible na que se plantaron máis de 40.000 árbores frondosas, coníferas e de ribeira e na que se habilitaron máis de 20 quilómetros de sendeiros e camiños.
Así, se están a recuperar unhas 120 hectáreas nas que tamén se está a ultimar a instalación dunha aldea neolítica, para a que tan só resta a licenza municipal, un centro de interpretación de natureza ou un servizo de bar nas inmediacións do futuro campo de fútbol.
Pintos recordou que estes terreos están a tan só cinco quilómetros do centro da cidade e forman parte da aposta da súa comunidade de montes por buscar unha xestión do monte forestal da que se poidan aproveitar todos os veciños de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Piden autorizacións a Defensa para retomar o proxecto do novo campo de fútbol de Salcedo
Por Redacción |
-
Salcedo abre ao público o seu parque de cabanas prehistóricas
Por Oskar Viéitez |
-
O campo de fútbol, primeiro paso para o gran centro deportivo e de lecer de Salcedo
Por Alejandro Espiño |
-
Os comuneiros de Campañó ceden terreos ao Concello para un novo campo de fútbol
Por Alejandro Espiño |
-
O PP propón trasladar o petróglifo aparecido en Salcedo para construír o campo de fútbol
Por Redacción |
-
Presentan o proxecto do novo campo de fútbol de Campañó
Por Diego Espiño |
-
Comeza a instalación de lombos en Salcedo
Por Redacción |
-
A comunidade de montes de Lourizán rexeita ceder os terreos para construír o campo de fútbol
Por Redacción |
-
O Casal acollerá o campo de herba sintética que compartirán Salcedo e Lourizán
Por Redacción |