A Policía Autonómica presta protección a 15 mulleres vítimas da violencia de xénero en Pontevedra
Por Redacción
Actualmente, a Policía Autonómica presta protección a 215 vítimas en toda Galicia das que 15 atópanse na cidade de Pontevedra.
O director xeral de Emerxencias e Interior, Luis Menor, e o comisario xefe da Policía Autonómica, Silverio Blanco, participaron este xoves nunha reunión para facer balance da actuación da Unidade da Policía Adscrita (UPA) en materia de loita contra a violencia de xénero.
A Policía autonómica asumiu competencias na materia en setembro do ano pasado, tras asinar un protocolo de coordinación coa Xefatura Superior de Policía de Galicia que supuxo, entre outros aspectos, integrar o punto de coordinación das ordes de protección de Galicia co sistema de seguimento integral nos casos de violencia de xénero (Sistema Vioxen).
Posteriormente, os axentes da UPA recibiron formación específica, tanto teórica como práctica.
As funcións que desenvolven os axentes pasan, fundamentalmente, por desprazar medios ante avisos de episodios de violencia, en colaboración coa Policía Nacional; prestar atención singularizada á vítima, a través de información detallada sobre procedementos legais, institucións de apoio...; traslado das vítimas ao centro asistencial cando teñan sido agredidas, así como á Comisaría para proceder á denuncia; recollida de datos sobre o agresor e posta en marcha de medidas de seguridade oportunas; e adopción das medidas de protección establecidas nos correspondentes protocolos, tendo en conta o nivel de risco da vítima. As actuacións inícianse de oficio, a instancia das vítimas ou por requirimento de terceiros.