A Xunta entrega un vehículo contra incendios a Portas en época de alto perigo de lumes
Por Redacción
Portas conta xa cun vehículo para facer fronte aos incendios cunha capacidade de 4.000 litros, 400 metros de mangueiras, 3 lanzas, extintores, mangotes de carga para os puntos de auga, material de mantemento, espumóxenos e equipos de comunicación cun novo sistema dixital.
Este camión contra incendios era entregado este mércores 9 polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, ao alcalde do municipio, Víctor Estévez. Ao acto asistiu tamén o xefe do servizo contra incendios, Manuel Francisco.
Segundo Cores Tourís, con esta entrega colabórase desde a Xunta para facilitar as tarefas de prevención e loita contra os lumes forestais.
Precisamente, tanto esta entrega como, anteriormente, a doutro camión para o Concello da Lama realízanse despois de que o pasado 21 de xuño, a consellería do Medio Rural determinase o estado de época de alto perigo de incendios, un momento no que o despregamento de medios de extinción debe ser máximo, complementándose co dispositivo de Pladiga 2017.