A mellora da estrada ás praias de San Vicente do Grove estará rematada na primavera
Por Redacción
A estrada provincial que leva ás praias de Area Grande, do Francés e o Carreiro, na parroquia de San Vicente do Grove, estará reformada na primavera de 2018. Así o anunciou hoxe a Deputación na sinatura do convenio co Concello do Grove.
Este acordo permitirá realizar unha actuación integral de seguridade viaria e mobilidade sostible -cunha senda peonil e ciclista e espazos de preferencia peonil-, e a posta en valor da contorna do santuario da igrexa de San Vicente cun investimento de 542.261,73 euros, dos que a institución provincial aportará o 80%.
A día de hoxe xa están dispoñibles os terreos necesarios para realizar a mellora e Patrimonio xa deu o seu visto bo á actuación, que afectará á contorna de varios elementos patrimoniais como a igrexa ou o cruceiro.
O proxecto, así, pasará mañá ao departamento de Contratación para iniciar a licitación. Unha vez adxudicada a obra o prazo de execución será de catro meses, polo que o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, asegurou que de cara o vindeiro verán, cando aumenta a población estacional, a mellora viaria estará "sobradamente rematada".
O departamento técnico provincial deseñou unha actuación para a EP-9106 na que se aposta por fomentar a mobilidade peonil dos veciños da contorna e dos usuarios ocasionais da vía cunha senda peonil e ciclista, zonas de prioridade peonil e a instalación de medidas de calmado do tráfico.
O proxecto executarase en 877 metros de lonxitude da vía, entre o cruce coa estrada provincial EP-9101 e a igrexa de San Vicente. Este espazo dividirase en tres tramos diferenciados.
No primeiro e no terceiro ámbito crearase unha senda de 2,5 metros de largo para o tránsito peonil e ciclista que estará delimitada por elementos de iluminación e terá unha rodaxe diferenciada de formigón, na que o máximo de velocidade será de 30 quilómetros por hora.
O segundo treito (390 metros) coincide coa zona de vivendas, na que o largo da vía non permite unha segregación de tránsitos, polo que se aposta por unha plataforma única na que haberá prioridade peonil e os vehículos non poderán superar os 20 quilómetros hora.
"Trátase do primeiro proxecto da Deputación no que, ao non haber un largo suficiente para facer beirarrúas, se instala unha plataforma única. Esta actuación servirá de exemplo de plataformas únicas en lugar de facer beirarrúas absurdas dun metro que non valen para nada", salientou o deputado.
Neste espazo haberá unha plataforma continua de cor diferenciado e terá tamén unha baliza de iluminación para destacar o uso peonil. Como elementos de seguridade viaria, instalaranse cinco pasos de peóns sobreelevados e dez redutores físicos de velocidade de vehículos.
Outra parte da actuación será a referida á posta en valor da contorna da igrexa de San Vicente do Grove, onde se redefinirá o espazo con novos pavimentos -de lastro e pedra- que estarán delimitados por bolardos para acceso exclusivamente peonil, así como a drenaxe e iluminación do cruceiro.
Tamén se inclúen partidas de xardinería e proxéctase a plantación de tres cipreses. A obra comprenderá tamén a mellora da rede de drenaxe, retranqueo de muros de peches, sinalización e mobiliario urbano.
Relacionadas:
-
Comeza a mellora da estrada de San Vicente do Grove
Por Redacción |
-
A Deputación aprobará este venres convenios por máis de 5 millóns de euros
Por Oskar Viéitez |
-
O Grove pide unha reunión urxente con Cores Tourís por "graves problemas" nas estradas autonómicas
Por Redacción |
-
A mellora da estrada de San Vicente do Grove, máis preto
Por Redacción |