Dúas novas rúas do ámbito de Santa María súmanse á reforma urbana do centro histórico
Para o Concello de Pontevedra o ámbito de Santa María é unha "prioridade" polo alto volume residencial que presenta. Así o destacou a concelleira responsable do centro histórico, Anabel Gulías, que anunciou que en breve acometerase a reforma integral de dúas novas rúas desta zona da cidade.
Durante a súa visita ás obras que se están realizando ás rúas Pratería Vella e Tristán de Montenegro, financiadas con cargo ao ARI do centro histórico, Gulías avanzou que a continuación se rehabilitarán as rúas San Martiño e Eirado de Alvar Páez.
En ambas as investiranse uns 150.000 euros.
Todas estas rúas "son importantes para nós", explicou a concelleira de Urbanismo, que se comprometeu a "seguir traballando" para mellorar os servizos do ámbito de Santa María "para que máis xente veña a vivir ao centro histórico".
O Concello asegura que en Pratería Vella, a rúa coa reforma máis avanzada, alcanzouse un resultado "amplamente satisfactorio" tanto desde o punto de vista estético como da mellora dos servizos de fibra óptica, electricidade ou gas.
Ademais, adoptouse unha solución inédita en Pontevedra. Nesta rúa, o pavimento conta con pedra plana no centro e con chapacuña nos laterais.
Este último material, segundo Gulías, utilizouse no seu día para a zona de Santa María e era maioritario nesta contorna, polo que a suxestión dos veciños optouse por mantelo pero sen afectar á mobilidade e accesibilidade da rúa.
As novas zonas terán a "mesma calidade" que o resto de rúas da contorna, garantiu a edil do BNG.
Relacionadas:
-
Os fondos da ARI renovarán San Martiño e completarán Eirado de Alvar Páez
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello detecta un rebrote nas rehabilitacións do centro histórico
Por Oskar Viéitez |
-
Comeza a reforma da rúa Tristán de Montenegro, no centro histórico
Por Redacción |
-
Cinco empresas amosan o seu interese por reformar Pratería Vella e Tristán de Montenegro
Por Redacción |
-
Nesta semana avaliaranse as solicitudes de axuda para actuacións no ARI do casco histórico e Estribela
Por Redacción |