A Xunta mellorará espazos públicos e alumeado en Marín cun investimento de 57.000 euros
Por Redacción
O vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, mantivo un encontro durante a mañá deste martes 8 de agosto no Concello de Marín coa alcaldesa María Ramallo e confirmou a colaboración do executivo autonómico para levar a cabo a mellora de espazos públicos e infraestruturas deste municipio. Á reunión tamén acudía o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Corest Tourís.
O goberno de Núñez Feijóo ten previsto investir este ano máis de 57.000 euros para colaborar no proxecto de mellora da iluminación pública exterior da rúa Inferniño e na recuperación da praza da Banda do Río. Estas dúas actuacións fináncianse a través do Fondo de Compensación Ambiental e da orde de infraestruturas.
Para a iluminación pública destinarase unha subvención a preto de 31.000 euros e permitirá renovar a instalación da iluminación pública, ademais de ampliar a súa instalación ata o cemiterio municipal. Este proxecto contempla unha mellora ambiental e un aforro enerxético xa que se instalarán fontes de luz con tecnoloxía LED.
Un orzamento de máis de 26.000 euros vai destinarse a recuperar a praza da Banda do Río. Este investimento será para humanizar e poñer en valor este espazo público con bancos, xardineiras e iluminación. Tamén se mellorará a accesibilidade.
Todos estes traballos financiaranse a través de iniciativas como o Fondo de Compensación Ambiental co obxectivo de que as entidades locais poidan executar actuacións que resultarían difíciles de acometer sen axuda doutras administracións.