O Concello e os arquitectos buscan vías de consenso para tentar reducir o volume de papel
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O pasado venres o Concello de Pontevedra sacou a consulta pública a ordenanza de simplificación administrativa para simplificar, reducir e axilizar os procedementos administrativos e acurtar os tempos de tramitación na área de Urbanismo e neste contexto este luns a concelleira responsable desta área, Anabel Gulías, mantivo un encontro cos representantes do Colexio de Arquitectos de Pontevedra que farán as súas achegas para "paliar a saturación" dos servizos técnicos municipais.
Propuxéronse cuestións como a atención telefónica e por correo electrónico para determinadas consultas. Tamén se pediu que se ordenen as cuestións que poden ter máis présa daqueloutras que son puramente de trámite.
Anabel Gulías sinalou que o goberno local estudará "vías de consenso" cos arquitectos para "tentar reducir o volume de papel" e buscarase que os técnicos da concellería de urbanismo poidan ter acceso directo aos proxectos visados polo colexio.
Na reunión, que fora solicitada polos arquitectos, tamén se abordaron outros temas como a tramitación de licenzas electrónicas. "Unha experiencia que leva anos funcionando no concello de Vigo de maneira satisfactoria", sinalou Manuel Abelleira, presidente da delegación pontevedresa do colexio de arquitectos que espera que no Concello da capital "empece a funcionar en breve".
Houbo tamén outros temas "máis polémicos" nos que o goberno local e os arquitectos manteñen as súas "visións diferentes" como son os concursos públicos de adxudicación de obras nos que "pedimos que os abran un pouco máis a todo o colectivo". E como era "obvio" tamén falaron do PXOM porque "entendemos que é necesario despois de 28 anos unha revisión urxente para dar unha maior seguridade xurídica e proxección de futuro", afirmou Manuel Abilleira.
Finalmente acordouse manter unha reunión específica para xuntar criterios de accesibilidade.
Relacionadas:
-
Os profesionais recibirán atención telefónica por parte dos servizos urbanísticos do Concello
Por Alejandro Espiño |
-
Haberá atención "preferente" a arquitectos e aparelladores para desatascar Urbanismo
Por Alejandro Espiño |
-
A Sala Nemonon, premiada polos arquitectos no certame Gran de Area 2017
Por Redacción |
-
Urbanismo recolle suxestións para simplificar os trámites administrativos
Por Oskar Viéitez |