Máis de 200 condutores deron positivo en alcol ou drogas tras pasar pola Festa do Albariño
Por Redacción
O dispositivo especial de seguridade posto en marcha polo subsector de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra con motivo da Festa do Albariño celebrada durante a pasada fin de semana en Cambados deixou un balance de máis de 200 condutores denunciados por conducir consumindo alcol ou drogas.
En concreto, detectáronse 13 positivos por drogas, 188 por alcol e dous condutores foron denunciados por negarse a realizar as probas.
A Garda Civil de Pontevedra, que contou con apoio do sector de Tráfico de Galicia, realizou 3.169 probas, a maioría, 3.142, por alcol. Deles 188 condutores deron positivo, 186 en controis preventivos e dous tras verse implicados nun accidente.
Dos 188 condutores que deron positivo, 172 foron denunciados por vía administrativa e contra os 16 restantes instruíronse dilixencias pola vía penal como presuntos autores dun delito contra a seguridade viaria por superar a taxa de 0,60 miligramos por litro de aire expirado. Tamén deberán ir ao xulgado outros dous que se negaron a realizar as probas.
A Garda Civil tamén realizou 25 probas de detección de drogas, das que 13 deron un resultado positivo, isto é, o 52% do total, aos cales se lles formulou expediente denuncia por vía administrativa.
Como vén sendo habitual, entre as drogas máis consumidas están o cannabis e a cocaína. No caso das drogas, a lei prohibe conducir con presenza de drogas no organismo do condutor, quedando excluídas as sustancias que se utilicen baixo prescrición facultativa e cunha finalidade terapéutica.
Os gardas civís do subsector de Tráfico de Pontevedra continuarán realizando controis de alcol e drogas aos condutores a calquera hora do día e en calquera estrada co obxectivo de disuadilos de conducir e con ocasión da Festa da Auga en Vilagarcía de Arousa reforzaranse estes dispositivos.
Relacionadas:
-
Dous detidos por 14 furtos de bolsos, móbiles e carteiras durante a Festa do Albariño
Por Redacción |
-
Cinco días de intensa vixilancia sobre os festeiros
Por Oskar Viéitez |
-
VIDEO.- Así foi o nomeamento de novas Damas e Cabaleiros do Albariño
Por Oskar Viéitez |
-
Cambados esgota os cataviños
Por Diego Torrado |
-
Tráfico monta un dispositivo especial con motivo da Festa do Albariño en Cambados
Por Redacción |