A campaña de limpeza de Vaipolorío retira 1.280 quilos de lixo do Gafos
Por Oskar Viéitez
A asociación Vaipolorío fixo balance da 17º campaña de limpeza do río dos Gafos na que se retiraron 1.280 quilos de lixo.
Un 80% destes residuos son diferentes plásticos. Unha parte importante corresponde ao que se atopa sedimentado no leito do río desde hai anos, que asoma á superficie con motivo das enchentes que se producen no inverno.
Foron un total de seis xornadas de traballo nas que colaboraron a Asociación Juan XXIII, voluntarios da Obra Social de Abanca, a Asociación de veciños San Xosé de Campolongo e o Centro de formación e experimentación agroforestal de Lourizán.
A xornada na que máis voluntarios participaron reuníronse 28 persoas para limpar o río, aínda que houbo outras con só 10 ou 12 persoas.
Unha vez máis, non se limpou o tramo de 130 metros que vai desde a Avenida de Josefina Arruti ata a rúa Otero Pedrayo. O motivo é a presenza do asentamento marxinal denunciado reiteradamente por este colectivo.
Dito tramo foi limpado con anterioridade en reiteradas campañas de limpeza desta asociación pero este ano decidiron non actuar "porque de maneira repetitiva volve aparecer ou empeorar a situación de sucidade e restos de materiais de chatarra" manipulados polos residentes nestas infravivendas.
Por outra banda, no tramo urbano que vai da rúa Rosalía de Castro á rúa Xeneral Rubín non ten zona de dominio público polo que un ano máis houbo que retirar as bolsas de lixo utilizando unha corda desde as zonas comunitarias lindantes.
Destacar que á beira da rúa Alcalde Hevia, no carreiro do río, atopouse escondido baixo a vexetación de ribeira un importante vertedoiro de lixo doméstico.
Relacionadas:
-
Aparece unha vertedura de pneumáticos no espazo protexido dos Gafos
Por Oskar Viéitez |
-
O traballo de 25 voluntarios permite retirar máis de 400 quilos de residuos do Gafos
Por Redacción |
-
Localizan unha vertedura de cascallo no ENIL dos Gafos
Por Redacción |
-
Retiran 200 quilos de lixo do río dos Gafos
Por Redacción |
-
As obras da A-57 tinguen de branco o cauce do Gafos
Por Oskar Viéitez |