A xustiza dá a razón a CCOO que pide a Clece que compense economicamente a máis da metade do persoal
Por Oskar Viéitez
Comisións Obreiras (CC.OO.) informou de que gañou en Pontevedra unha "importante sentenza" contra a empresa que presta o servizo de axuda a domicilio na cidade, Clece, S.A., por "precariedade laboral" do persoal.
Segundo trasladou o sindicato, a sentenza "vén recoñecer o dereito do persoal de axuda a domicilio de traballar como mínimo 25 horas semanais", algo que, segundo o responsable comarcal de CC.OO. de Construción e Servizos de Pontevedra, Luís Rodas, "é un alicerce básico" para acabar coa precariedade sistemática destes persoais.
Nun comunicado o sindicato avanza que, tras a decisión xudicial, iniciará unha "cadea de demandas" para que a empresa compense economicamente a máis do 50 por cento dos traballadores, o que segundo estiman, supoñerá "desembolsar" máis de 500.000 euros.
O comité de empresa de Clece está formado por cinco delegadas de Comisións Obreiras que "levan tres anos traballando para pararlle os pés a empresas como Clece, S.A.", que, a xuízo dos sindicalistas, "busca na precariedade do persoal o seu beneficio persoal".
Así pois, a presidenta do comité de empresa, mencionou que "esta é a punta do iceberg" e que "debaixo existe unha montaña de precariedade consentida polas administracións, que deriva na atención deficiente dos maiores".