Estes son os plans para o Mercado
Por Oskar Viéitez
O goberno local de Pontevedra planea reorganizar por completo os postos de venda do mercado da rúa Serra unificándoos na planta baixa. Para iso recolocaranse a carnicería, os tres postos de ultramarinos e os dous de froita e verdura que actualmente se atopan no primeiro piso.
A idea coa que traballa a concelleira Anabel Gulías é que esa primeira planta da Praza de Abastos acolla un espazo gastronómico.
Neste sentido teñen bo encaixe as dúas cafeterías e a caseta de produtos ecolóxicos que xa existen na actualidade pero preténdese atraer a novos comerciantes.
O camiño deixouno aberto o anterior concelleiro responsable deste servizo, Vicente Legísima coa modificación do regulamento do mercado (en vigor desde abril) que, ademais de regular os traslados, permite a modalidade de alugueres por un ano (prorrogable ata catro), o que facilita a adxudicación dos postos e bancadas libres.
A intención de Anabel Gulías é que estes espazos baleiros se destinen a actividades distintas das que se realizan na planta baixa, fundamentalmente á venda e degustación de produtos gourmet. Tamén se baralla a idea de que este primeiro piso da Praza de Abastos sexa un punto de encontro para citas culinarios e de promoción turística.
Ademais o novo regulamento ampara iniciativas como a Sétima Feira ao permitir autorizacións "para as ocupacións menos intensas do dominio público, que teñen un carácter provisional ou de pouca duración".