Un can de rescate localiza unha anciá desaparecida do asilo de Caldas
Por Redacción
O Grupo Canino de Protección Civil da Estrada localizou no mediodía deste xoves unha anciá de 82 anos que desapareceu na noite do mércores do asilo de Caldas de Reis.
As monxas responsables do asilo deron alerta da desapareción da muller, María Regina Fresco Barcala, unha vez que non a localizaron á hora da cea e estableceuse un dispositivo de busca que implicou á Policía Local, Protección Civil e a Garda Civil de Caldas de Reis.
As Forzas de Seguridade e voluntarios centraron a busca nas primeiras horas da noite no ámbito do asilo e o río Umia e este xoves retomárona ampliándoa a outros puntos da comarca.
O Grupo Canino de Protección Civil da Estrada uniuse á busca e o can Zoe desta agrupación localizouna con vida en bo estado de saúde a uns 500 metros do asilo do que desapareceu. Presentaba tan só unha pequena ferida.