Consello policial para Semana Santa II: non perdas de vista o teu smartphone nos pubs e terrazas
Por Redacción
Comezamos unha serie cos consellos que achegan dende a Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra para mellorar a seguridade dos cidadáns de cara á Semana Santa. Trátase de recomendacións dirixidas a comerciantes e cidadáns nunhas datas nas que se suceden aglomeracións, procesións, acontecementos na vía pública e compras que adoitan ser aproveitadas polos 'cacos' e tratan de evitar que os pontevedreses convertan en vítimas dalgún furto, estafa ou roubo con intimidación.
O segundo consello desta serie está enfocado nos lugares de recreo.
A Policía recorda que os 'descuideros' adoitan buscar as aglomeracións xa que tras o furto poden camuflarse mellor entre a xente e evitar a resposta policial. Neste tipo de furtos, as pertenzas apenas permanecen uns segundos en mans do ladrón xa que deseguida as pasan aos seus cómplices, de modo que en caso de que os autores logren ser localizados rara vez terían os obxectos subtraídos no seu poder.
Par evitalo, nas terrazas e bares o bolso non debe estar colgado do respaldo da cadeira e nunca se deben deixar pertenzas como a carteira, o teléfono móbil ou os lentes de sol enriba da mesa ou da barra.
Especial atención requiren as saídas nocturnas a lugares de ocio onde adoitamos estar máis distendidos e relaxados e podemos perder de vista as nosas pertenzas, sobre tuso os smartphones que continuamente levamos na man e depositamos na barra ou na mesa do local correspondente.
Tamén é importante en lugares como pubs e discotecas non perder de vista bolsos e chaquetas depositados nunha esquina.
O consello final vai enfocado, en todos os casos, a axudar a que se xa foi vítima dun furto ou roubo o autor deste poida ser localizado o antes posible. Desta forma, será importante, de cara a presentar a correspondente denuncia na Comisaría de Policía, reter os máximos datos posibles dos autores: cantos eran, idade aproximada, descrición física e das súas vestimentas, se tiñan un acento determinado, marcas, tatuaxes, pendentes ou piercings, todos os datos que poidamos achegar serán importantes de cara á investigación policial.
Non convén esquecer que en caso de que nos subtraesen a carteira ou o bolso hai que dar aviso inmediato ás entidades das que depende a tarxeta de crédito para dala de baixa. En apenas unhas horas os delincuentes poden facer cargos ata esgotar o noso saldo.
Recorde ademais os teléfonos 091 e 112.