Queren xuntar un milleiro de voces para cantar na rúa
Por Oskar Viéitez
250 persoas aceptaron o convite de Aquí Cántase e participaron nos catro ensaios realizados en tres locais sociais (Lérez, O Gorgullón e Salcedo). Serán elas as que estarán ao fronte de "Supercantos", a quedada para empezar as festas da Peregrina cantando.
A cita é o venres 11 de agosto e os promotores do proxecto, o grupo Maravallada e a Concellería de Festas, agardan sumar ata mil persoas na rúa que poñan voz a un repertorio de 20 cancións tradicionais, cuxas letras serán repartidas entre os participantes.
A concelleira de Festas, Carme da Silva, e Luís Torres, do grupo Maravallada fixeron este xoves balance de Aquí Cántase, un proxecto que pecha o ciclo de Cantos de Taberna.
"Non hai que cantar ben só querer cantar e gozar" subliñou a concelleira quen anunciou que como acompañamento aos participantes o grupo de percusión Treboada Baixo Miño tamén fará o percorrido.
As citas son:
- Ás 21.00 horas na Praza de Ourense
- Ás 21.45 horas nas escaleiras do Teatro Principal
- Ás 22.30 horas na Praza Valentín García Escudero (diante da estafeta)
- E ás 23.15 horas peche na Praza da Leña