Carmela Silva alerta de que as Rías Baixas poden morrer de éxito ante a masificación do turismo
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, trasladou a súa preocupación coa masificación turística. A mandataria socialista fixo esta reflexión ante as situacións conflitivas vividas en Barcelona ou Palma con accións vandálicas protagonizadas por organizacións de esquerda independentista.
Carmela Silva mostrou a súa "satisfacción" polos resultados turísticos conseguidos no pasado mes de xullo nos que a provincia de Pontevedra obtivo unha ocupación media do 84%, dous puntos superior á do ano pasado. Neste sentido acompañou unha "reflexión" ao respecto ao sector turístico "para que sigamos potenciándoo pero desde un punto de vista sustentable" para evitar a masificación e a resposta negativa que esta ten por parte dos veciños.
"Todos, o sector público e o privado, temos que estar alerta e apostar por un turismo sustentable que permita manter este paraíso", dixo a presidenta pontevedresa. "Temos que ser un destino apetecible de alta calidade", engadiu.
Na provincia de Pontevedra "non hai absolutamente ningún problema, todo o contrario" pero Carmela Silva fixo esta valoración porque "temos que estar alerta, atentos" xa que "cada ano estamos a aumentar o numero de visitantes e temos que marcar un obxectivo a medio e longo prazo".
DATOS DE OCUPACIÓN EN XULLO
A presidenta da Deputación de Pontevedra informou que os resultados deste xullo foron "os mellores do últimos dez anos", superando en máis de dous puntos os datos de ocupación obtidos no 2016, cando xa se incrementaron ata en dez puntos os resultados con respecto ao 2015.
Por comarcas, a ocupación hostaleira no Salnés en xullo foi do 87,35% colgando o cartel de completo nos hoteis de catro estrelas. Na comarca de Pontevedra conseguiuse o 90,25% de ocupación en xullo, no Morrazo foi do 87%, en Vigo obtívose o 90,6%, no Baixo Miño rexistrouse o 80,% de ocupación, O Condado e Paradanta o 82,6%, Deza e Tabeirós - Terra de Montes conseguiuse o 71,5% e en Caldas a porcentaxe definitiva foi do 83% cunha alta incidencia para o sector durante os festivais Cultura Quente e PortAmérica que supuxeron ascensos nos niveis de ocupación de ata o 100% nos días de celebración dos concertos.
A presidenta da Deputación tamén destacou os "excelentes resultados do turismo rural" cunha porcentaxe do 67% nos establecementos rurais da provincia, sete puntos máis que en xullo do 2016.
PERFIL DO VISITANTE
O 85,25% dos turistas que visitan as Rías Baixas proceden de España, principalmente de Madrid, Barcelona, Biscaia, Asturias e Valladolid, con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos que se aloxan entre 7 e 15 días en hoteis.
O turismo estranxeiro provén maioritariamente de Francia, Portugal, Italia, Reino Unido e Alemaña. Ao respecto, a presidenta da Deputación subliñou que se trata de países con conexións aéreas desde o aeroporto de Peinador "o que manifesta a importancia que ten sumar novas rutas que nos enlacen co resto do mundo".
Tamén destacou Silva que cada vez se detectan máis casos de persoas procedentes de Estados Unidos e Canadá con interese na cultura vitivinícola e enológica da provincia de Pontevedra.
Das persoas que responden á enquisa, o 68% non coñecía o destino Rías Baixas polo que "a calidade ten que ser fundamental, para conseguir que repitan a súa visita".
Relacionadas:
-
Carmela Silva, disposta a abrir o debate sobre a implantación dunha taxa turística
Por Natalia Puga |
-
VIDEO.- Queremos turistas respectuosos
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: A "Ponte" de Babel
Por Marisa Ciordia |
-
Sanxenxo atópase entre os destinos vacacionais máis baratos de España
Por Oskar Viéitez |
-
A ocupación hoteleira de Sanxenxo sobe dez puntos en xullo en dous anos
Por Redacción |
-
A finca de Segade busca ser "referente" no turismo industrial da provincia
Por Redacción |
-
Poio e Marín acadaron bos datos turísticos no mes de xullo
Por Oskar Viéitez |
-
Unha nova campaña "vende" Pontevedra como cidade dos nenos na busca do turismo familiar
Por Redacción |
-
400 autocaravanas pernoctaron na área de Pontevedra nos últimos catro meses
Por Redacción |