O proxecto de axuda aos refuxiados 'Tecidos de paz', do Luis Seoane, finalista dos premios Acción Magistral
Por Redacción
O proxecto de educación en valores 'Tecidos de Paz' posto en marcha polo IES Luís Seoane de Pontevedra durante o pasado curso académico acaba de ser elixido como finalista do Premio á Acción Maxistral 2017, convocado pola FAD, a Comisión Nacional Española de Cooperación coa UNESCO e BBVA, coa colaboración da Consellería Educación.
En total, dez proxectos de educación en valores realizados en centros educativos galegos foron seleccionados finalistas autonómicos do premio, cinco deles da provincia de Pontevedra. En total, na comunidade presentáronse 48 iniciativas educativas.
Con 'Tecidos de paz', o instituto de Monte Porreiro aborda un tema moi de actualidade durante os últimos meses, a situación das persoas que viven en campos de refuxiados por toda Europa. Toda a comunidade educativa implicouse e alumnos, pais e profesores teceron mantas de cores para arroupar aos menores refuxiados, para protexerlles do frío e mostrarlles unha calor humana para contrarrestar a indiferenza, a inxustiza e o esquecemento ao que son sometidos.
O obxectivo desta iniciativa é sensibilizar a toda a comunidade educativa sobre a situación que se vive nos campos de refuxiados, abrindo un debate sobre o dereito ao asilo, os dereitos das persoas migrantes, a responsabilidade dos pobos e os gobernos na defensa dos Dereitos Humanos.
Ademais, foi elixido como finalista o proxecto 'O mar de Sabela' do CEIP de Rubiáns de Vilagarcía de Arousa, que ten a finalidade de fomentar o consumo de produtos do mar e conseguir que os alumnos valoren e respecten o mar, tomando conciencia da súa importancia a nivel social, económico e ambiental.
A través desta iniciativa, que involucra a todos os niveis educativos, especialidades e equipos de traballo, preténdese que o alumnado aprecie a riqueza e variedade do patrimonio cultural, respectando a súa biodiversidade e favorecendo a súa conservación.
Este premio forma parte de Acción Maxistral, un proxecto de axuda ao profesorado que desenvolve programas educativos de promoción dos valores sociais creando unha comunidade virtual para compartir experiencias e atopar recursos de todo tipo para facilitar o seu labor.