A aldea de Meiro vivirá este sábado unha busca do tesouro
Por Redacción
"En busca do tesouro" é a nova actividade que pon en marcha este sábado a Axencia de Lectura de Meiro, coa colaboración do Club Golfiños, a Asociación de Veciños A Morada, e o Concello de Bueu. Así, segundo explicou o voluntario da Axencia, Daniel Durán, durante a rolda de prensa deste luns, trátase dunha actividade "na que a rapazada deberá atopar o cofre do tesouro axudándose de pistas de libros e un mapa".
Concretamente, o desenvolvemento da actividade farase mediante grupos, que se conformarán no lugar de saída e que terán un mínimo de entre tres e seis participantes.
A actividade desenvolverase a partir das 10.00 horas diante da Casa da Aldea de Meiro, e poderán participar os rapaces de entre 5 e 17 anos. Non se precisa inscrición previa e é de balde.
Na rolda de prensa estiveron tamén a concelleira de mocidade e infancia, Inmaculada Rodríguez, o vicepresidente da Asociación de Veciños A Morada, Xosé Antonio Portela "Seso", e a monitora do Club Golfiños, Araceli Piedras.
O gañador será agasallado cun lotes de libros donado polas librarías colaboradoras da vila.