O BNG insta á Xunta a elaborar un proxecto de conservación e ordenación da contorna da ponte de Ponte Sampaio
Por Redacción
O grupo parlamentario do BNG presentou unha proposición non de lei para o debate na Cámara galega na que busca o acordo do resto dos partidos para instar á Xunta de Galicia a elaborar, no prazo de tres meses, un proxecto de conservación, mantemento, limpeza, alumeado e ordenación da contorna da ponte medieval de Ponte Sampaio.
O obxectivo desta petición, e de que o proxecto se elabore en tres meses, é que se poidan executar as obras ao longo do ano 2018, segundo recolle o propio texto da proposición presentada.
Os nacionalistas insisten en que a ponte medieval e a súa contorna teñen diversas carencias que é preciso corrixir, sendo necesario realizar traballos de conservación, mantemento e limpeza do conxunto co obxecto de mellorar a súa imaxe; de repoñer o alumeado anticuado e insuficiente; ou de poñer unha solución á proliferación de postes, paneis, placas e outro mobiliario urbano, que distorsiona a harmonía do monumento.
Ademais, denuncian o estado de abandono do monumento conmemorativo do arranxo do Camiño Real entre Santiago e Ponte Sampaio a comezos do século XIX e insisten en que é necesario mellorar a sinalización para previr os habituais accidentes de vehículos que danan os petrís.
A ponte forma parte do trazado da estrada PO-264, polo que a súa conservación e mantemento é competencia da Xunta de Galicia. Na actualidade, cumpre a función de infraestrutura de comunicación entre Ponte Sampaio e Arcade, tanto para peóns como para automóbiles, e diariamente é atravesada por un elevado número de peregrinos que percorren o Camiño Portugués a Compostela.
Relacionadas:
-
O PP rexeita realizar obras de conservación da ponte medieval de Ponte Sampaio
Por Oskar Viéitez |
-
Esixen á Xunta a "restauración inmediata" da ponte medieval de Ponte Sampaio ante o seu "abandono"
Por Redacción |
-
A Xunta conclúe os traballos de rehabilitación da ponte medieval de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
O Concello reclama á Xunta que restaure a ponte danada de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
O PSdeG-PSOE pide a restauración integral da ponte de Ponte Sampaio
Por Redacción |
-
O PSdeG-PSOE reclama á Xunta a reparación urxente da ponte medieval de Ponte Sampaio
Por Redacción |