Se te achegas este luns á praia fluvial da A Lama, terás un paseo gratis en piragua polo Verdugo
Por Redacción
Este luns 31 de xullo a partir das 17.00 horas todas as persoas que o desexen poden participar na xornada de iniciación ao deporte da piragua organizada polo Concello da Lama entre a praia fluvial e a ponte sobre o río Verdugo. Poderán dar un paseo gratuíto pensado para público de todas as idades.
A actividade conta coa colaboración humana e material do Club de Piragüismo de Vilaboa que facilita monitores experimentados e as embarcacións necesarias para atender quendas de paseo entre as 17.00 e as 20.00 horas.
Os participantes terán que colocar obrigatoriamente chalecos salvavidas que facilitará a organización e estarán en todo momento supervisados por monitores do Club de Piragüismo, que irán explicando aos asistentes as nocións básicas sobre a embarcación que van tomar para coñecer a súa manexo e posibilidades de practicar este deporte.
Esta actividade forma parte da programación organizada con motivo da Semana Cultural e pretende profundar en ofrecer alternativas de lecer diferente para as persoas, especialmente para os máis novos.