A Deputación pagará a metade do servizo de teleasistencia dos concellos máis pequenos
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra
A Xunta de Goberno da Deputación aprobou un aumento da financiación deste servizo dirixido a persoas que precisan dunha atención continuada e pasará de sufragar o 34% ao 50% do servizo. Agarda que repercuta nun aumento de usuarios ata as 700 persoas.
En concreto, farase unha adenda ao convenio actual, en vigor con 46 concellos e que permite a persoas de avanzada idade ou con algún tipo de diversidade funcional manter a súa independencia e continuar vivindo no seu domicilio con tranquilidade e seguridade, coa consecuente mellora na súa calidade de vida.
O servizo de teleasistencia domiciliaria da Deputación de Pontevedra está en marcha en concellos como Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, O Grove, Meaño, Meis, Moraña, Portas, Ponte Caldelas, Ribadumia, Sanxenxo, Vilaboa e Vilanova de Arousa.
Ante unha situación de emerxencia no fogar, con só pulsar un botón, os usuarios reciben asistencia inmediata, 24 horas ó día e 365 días ao ano, mobilizando os recursos necesarios para dar solución ao problema. Isto é posible grazas a un terminal asociado á liña telefónica, que se instala nos domicilios e que permite establecer unha comunicación directa desde calquera punto da casa.
A través do centro de atención deste programa préstanse servizos de apoio inmediato a demandas de angustia, soidade, accidentes domésticos, mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, persoal ou social, xestiónanse axendas para recordar á persoa usuaria datos importantes sobre toma de medicación ou realización de xestións e tamén se realizan seguimentos permanentes mediante chamadas telefónicas periódicas.
Relacionadas:
-
As persoas que vivan soas en Ponte Caldelas recibirán unha chamada regularmente para interesarse polo seu estado
Por Redacción |
-
O PP propón á Deputación aumentar a partida do "miniplan" para concellos de menos de 20.000 habitantes
Por Oskar Viéitez |
-
O goberno provincial destina 2,2 millóns de euros para financiar servicios sociais de 52 concellos
Por Oskar Viéitez |
-
Teleasistencia para 400 persoas maiores ou con discapacidade dos concellos máis pequenos
Por Redacción |