Dous parados pontevedreses, estafados cunha falsa oferta de emprego en Canarias
Por Oskar Viéitez
O pasado día 11 de marzo dous veciños de Pontevedra denunciaban na Comisaría da Policía Nacional unha presunta estafa da que foran vítimas.
Segundo explicaron, tras ler unha oferta de emprego na sección correspondente dun xornal no que se requirían empregados para as Illas Canarias, chamaron ao número de teléfono do anuncio e concertaron unha cita cun home nun bar da cidade.
Na entrevista foron informados por este individuo das condicións de traballo, horarios, salarios e de que estaban contratados, el como encargado de mantemento e ela como camareira, aínda que para realizar ese traballo segundo o individuo, necesitaban realizar un curso de Riscos Laborais do que non dispuñan.
O entrevistador díxolles que el podía conseguir os citados certificados pero que lles suporía un gasto de 300 euros cada un.
O día 14 de xaneiro citáronse de novo con el para abonar a cantidade convida de 300 euros cada un a cambio dos certificados de: "Finalización do curso de formación técnico básico de 50 horas de duración". Terminados os trámites o entrevistador comunicoulles que o traballo daría comezo en marzo, pero a finais de febreiro seguían sen chamadas do contratante polo que consideraron que poderían ser vítimas dunha estafa e decidiron interpoñer a denuncia en dependencias policiais.
A raíz da denuncia os axentes iniciaron as xestións pertinentes para tratar de pescudar todos os datos posibles sobre o entrevistador e a súa posterior localización.
Tras diversas xestións os axentes localizaron o día 19 de marzo ás 18.20 horas ao individuo, un home de 46 anos de idade, veciño de Pontevedra, con antecedentes policiais, procedendo á súa identificación e detención pola súa implicación nunha estafa.