"Hai evidencias contrastadas do incremento do risco de incendios forestais por mor do cambio climático"
Por Redacción
"Hai evidencias contrastadas do incremento do risco de incendios forestais por mor do cambio climático". Esta é unha das contundentes conclusións da xornada sobre monte veciñal, cambio climático e incendios forestais que se celebrou este sábado na casa parroquial de Marcón organizada por Iniciativa Comunales e que contou coa participación de diversas comunidades de montes e especialistas na materia.
Nas súas conclusións, sinalan que ese incremento do risco de incendios por mor do cambio climático débese a un incremento da temperatura e probablemente unha redución das precipitacións, cando menos en verán, e sinalan que é previsible un incremento do número de incendios forestais, da superficie queimada por incendio e dos impactos negativos sobre o solo, a biodiversidade, a calidade das augas e a saúde das persoas que viven na contorna das zonas incendiadas.
Os participantes esta xornada manteñen que nas comunidades de montes aprécianse poucos cambios no xeito de executar os traballos forestais, as plantacións ou as repoboacións e recomendan que a elección das especies forestais e os modelos de xestión forestal deberían adaptarse ao cambio climático. Tamén deberían adaptarse as infraestruturas de prevención de incendios forestais, pois as devasas clásicas e as faixas auxiliares actuais poden ser insuficientes e deberían estudarse outras solucións como áreas de redución da carga de combustible, o pastoreo con gando lignívoro e outros usos.
Esta xestión forestal adaptada ao cambio climático "debe considerar criterios sociais (imprescindibles nas comunidades de montes) e ambientais (de conservación de biodiversidade e de conectividade ecolóxica)" e, ademais, as xuntas reitoras e as asembleas das comunidades de montes deben ser informadas para ter en conta o cambio climático, o risco de incendios e a prevención dos mesmos.
Ao respecto, manteñen que a administración pública galega debe liderar un proceso específico de estudo e transferencia de resultados a todos os actores relacionados co monte (e especialmente coas comunidades de montes como xestores de máis de 600.000 hectáreas) sobre os impactos previstos do cambio climático na vexetación e os incendios forestais, que permita unha axeitada toma de decisións sobre a planificación forestal.
Na opinión dos participantes na xornada, é "imprescindible" fomentar o interese dos veciños polo monte veciñal e a súa participación nas asembleas e establecer mecanismos de colaboración cos propietarios particulares estremeiros para realizar traballos forestais conxuntos e coordinados e reducir o risco de incendios forestais, pois a sociedade no seu conxunto "non se pode permitir o desastre que provocan os incendios forestais e os gastos que supón a súa extinción".
O grave incendio con vítimas mortais de Pedrogao Grande, en Portugal, estivo moi presente no debate, no que os comuneiros manteñen que existe coñecemento científico e técnico de abondo para executar medidas de prevención de incendios forestais que eviten ou minimicen o risco de vítimas e de danos a vivendas.
Lembran que existen protocolos e ferramentas como os plans de autoprotección que deben empregarse en zonas de alto risco e onde hai probabilidade de incendios forestais de interfaz urbano-forestal e recomendan que, en caso de incendio con afección a núcleos urbanos deben apartarse os materiais combustibles de preto da casa (se é posible), mollar o perímetro da vivenda e protexerse dentro dela por seguridade e para evitar accidentes na fuga, como se viu en Pedrogao Grande.