'O Rural Existe' considera a instalación masiva de lombos como "un insulto á xente do rural"
Por Natalia Puga
A plataforma veciñal 'O Rural Existe', xurdida contra a instalación masiva de 'lombos' nas parroquias do rural de Pontevedra, celebrou este sábado a súa segunda manifestación polo centro de Pontevedra para facer visibles as súas reivindicacións. A choiva desluciu a marcha, que estivo secundada por pouco máis dun centenar de persoas, pero non minorou o ánimo da súa protesta, senón que mantiveron firmes que os 'lombos' son "un insulto á xente do rural", pois "parece que non sabemos interpretar sinais".
A marcha partiu da praza da Peregrina e acabou na praza de España e estivo acompañada pola choiva en todo o percorrido. Non faltaron tampouco as protestas e consignas como "Lombos non, basta xa" ou "Lores, escoita, o rural está en loita" e o apoio de representantes de Cidadáns e do PP, a través do concelleiro José Luis Martín.
En nome do colectivo falou este sábado Pastor Torres, histórico dirixente veciñal de Salcedo. Indicou que na marcha estiveron representadas todas as parroquias do rural, pero fundamentalmente Verducido, Xeve, Mourente e Salcedo, os lugares en lso que xa traballaron a súa difusión. Moitas outras zonas do rural pontevedrés aínda están pendentes de celebrar asembleas informativas para "concienciar a esas parroquias de que os lombos non deberían existir no rural".
"O obxectivo que nos marcamos é eliminar os lombos no rural", insistiu Pastor Torres, que considera "un despropósito, un malgasto" a instalación masiva destes pasos de peóns elevados, que, ademais "non gardan relación cuns tempos modernos", senón que "o sistema é case terceiro mundista".
Pastor Torres criticou que os veciños do rural teñen que pagar os 'lombos' e, ademais "sufrilos", pois se trata de "barreiras ou muros cos que temos que estrelarnos diariamente". Con todo, as súas necesidades reais non están cubertas. Respecto diso, destacan que queren "outros servizos non que nos están prestando", como, por exemplo, a rede de sumidoiros, que "prima máis que todo isto que están a facer".
Relacionadas:
-
Comeza a instalación de lombos en Salcedo
Por Redacción |
-
A plataforma Virxen dos Remedios de San Xulián de Marín oponse aos lombos
Por Redacción |
-
O goberno local aproba a instalación de lombos no núcleo de Cerponzóns
Por Anxo Lourido |
-
Os lombos na PO-223 entre Lérez e Xeve, rexeitados só por Cidadáns
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Castelao defende os lombos no rural e reclama que se coloquen por criterios técnicos
Por Redacción |
-
O Concello asegura que o consello parroquial de Mourente respalda os novos lombos
Por Redacción |
-
A Plataforma "O Rural Existe" reclama menos lombos
Por Oskar Viéitez |
-
Nace unha plataforma veciñal para reivindicar que "o rural existe"
Por Redacción |