Maioría de idade para unha Festa do Polbo de Bueu que promete unha edición "moi especial"
Por Redacción
Xa está aquí a tradicional Festa do Polbo de Bueu. O campo da Estacada acollerá entre os días 11 e 13 de agosto a décimo oitava edición deste evento gastronómico que, como vén sendo habitual, ofrecerá máis de vinte especialidades deste exquisito produto, co tradicional polbo á feira como prato estrela.
Así o destacaron na rolda de prensa celebrada no Museo Massó, Félix Juncal, alcalde da vila, Silvia Carballo, concelleira de promoción económica e turismo, Raquel Parada, representante do restaurante O Rincón de Cela, Pilar Otero, xerente da distribuidora Rosa de Los Vientos, e o actor David Novas (Serramoura), natural de Bueu, que será o pregoeiro.
A festa arrancará o 11 de agosto ás 19.30 horas, momento dende o que xa se poderá gozar das especialidades e do polbo á feira, que tamén serán ofertados o sábado de 12.30 a 16.30 e de 19.30 a 00.00 horas, e o domingo, das 12.30 a 16.30 e das 20.00 a 00.00 horas.
As variedades, que se darán a coñecer a vindeira semana, terán un custe de 5 euros e de 8.50 euros, segundo a ración. Tal e como explicaron os presentes, a ración que antes custaba 7.50 euros increméntase un pouco de prezo, dado que a campaña de polbo deste ano foi menor e a captura de produto reduciuse considerablemente.
A que será a festa máis especial e emotiva, inclúe a actuación da Banda de Gaitas Manxadoira o sábado, seguida do pregón a cargo de David Novas, modelo e actor nado en Bueu e que ten participado en series tan recoñecidas como Serramoura ou Vidago Palace, ademais de ser da canteira do grupo de teatro do IES Johán Carballeira coñecido como Comediantes Anónimos.
Durante a súa intervención, o actor mostrou o seu agradecemento por esta oportunidade e declarou que "cando o talento é loado fóra, que mellor que te recoñezan na casa". Así mesmo, e como bo bueués, David Novas convidará ás súas amizades madrileñas a vir gozar do polbo.
Félix Juncal, alcalde da vila, asegurou que, esta edición "será a máis especial", xa que se fusionará comida, espectáculo e divertimento, e que se trata dun evento moi consolidado que xa está no imaxinario colectivo.
Dado que o ano pasado se contou co grupo Treixadura e resultou unha experiencia complementaria moi interesante para este evento, desta volta será a quenda de Pelepau, un grupo vigués conformado por doce percusionistas todos eles mestres en escolas e agrupacións de música tradicional de recoñecido prestixio nacional.
A actuación terá lugar o domingo 13 de agosto, ás 19.30 horas, na mesma carpa do campo da Estacada.