Os alcaldes que insulten a Carmela Silva atoparán a súa porta pechada na Deputación
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, asegurou este venres que nos dous anos de mandato recibiu a todos os alcaldes da provincia e anunciou que esta será a súa forma de actuar a partir de agora, pero con dúas excepcións. Atoparán a súa porta pechada os rexedores que sexan resultado de mocións de censura e quen "me insulte gravemente", pois vai "en contra dos meus principios".
O portavoz do PP, Ángel Moldes, acusou o goberno bipartito da Deputación Provincial de non recibir aos alcaldes do Partido Popular e a determinados colectivos críticos coa súa xestión. Fíxoo durante un dos dous plenos da institución celebrados este venres e, por alusións, Carmela Silva quixo responder. Asegurou que si os recibía a todos, pero explicou estas dúas excepcións. No caso dos insultos, matizou, ademais, que aplicará este criterio a quen opte por "os insultos e os me gusta".
Carmela Silva non puxo nome a este veto, pero si aludiu veladamente á alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, pois lembrou que había unha sentenza que acreditaba a existencia de insultos e a única resolución xudicial que encaixa con esta situación é a ditada por un xulgado pontevedrés que condena ao ex edil do PP en Moraña Jorge Caldas e ao militante deste partido Daniel Monteagudo por insultala a través da rede social Facebook.
Luisa Piñeiro non foi condenada nese fallo xudicial, como ela mesmo quixo aclarar no apartado de rogos e preguntas, pero si deu "gústame" a esa publicación en facebook que profería insultos machistas dirixidos a Carmela Silva.
O pleno ordinario da Deputación deste mes de xullo, dunha hora de duración, aprobou o proxecto DepoIntegra Xoven de axudas á integración sustentable de persoas novas no mercado de traballo e a moción presentada pola Coalición SON, representada na Deputación polo deputado de Marea Vigo Xosé Lois Jácome, para instar o Goberno do Estado a que transfira a autoestrada AP-9 á Xunta de Galicia.
A moción de Jácome aprobouse por unanimidade de todos os partidos tras incluírse dúas emendas do PSOE e o PP para que tamén se inste ao Goberno á liberación da peaxe entre Pontevedra e Vigo e entre Redondela e Vigo. Trátase dunha moción similar á xa presentada polo BNG no Parlamento de Galicia e aprobada por todos os grupos políticos con representación na Cámara galega, pero que o Ministerio de Fomento vetou para o seu debate no Congreso dos Deputados.
O pleno provincial tamén rexeitou dúas mocións presentadas polo grupo provincial do PP, unha para solicitar un proxecto de seguridade viaria na estrada EP-002 O Marco-Tomeza-Figueirido e outra para a posta en marcha dun plan de dotación de parques infantís para os concellos de menos de 50.000 habitantes.
Especialmente polémica foi a moción sobre a seguridade viaria na estrada de Tomeza, pois Ángel Moldes solicitou que se dote de beirarrúas e unha senda peonil e se poñan en marcha medidas de acougado do tráfico, ao que o vicepresidente provincial, César Mosquera, respondeu que a Deputación do PP xa prometera unha senda peonil no ano 2007 e nestes 10 anos non puido facela porque "non hai cerco". Tamén chamou a atención sobre o cambio de criterio de Moldes sobre a instalación de 'lombos' nas estradas provinciais, pois no último pleno apoio á plataforma 'O Rural Existe', nacida contra os 'lombos'.
Moldes argumentou a Mosquera que non está en contra dos 'lombos', senón da instalación indiscriminada e sen acordalo cos veciños.