A Casa do Mar amplía prestacións aos pacientes
Por Redacción
O servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario de Pontevedra unificou todas as súas dependencias na Casa do Mar, ou Centro de Especialidades de Mollabao.
Segundo explican desde o Gabinete de comunicación do Sergas, esta unificación forma parte dunha serie de melloras acometidas no Centro de Mollabao, que inclúen tamén a posta en marcha de consultas de alta resolución en diversos servizos.
No Centro de Especialidades de Mollabao funcionan consultas xerais de Dermatoloxía, Cardioloxía, Otorrinolaringoloxía, Xinecoloxía, Uroloxía e Oftalmoloxía, realízanse intervencións de cirurxía menor ambulatoria, e sitúanse tamén a Unidade de Saúde Mental de Adultos e o Centro de Orientación Familiar. Anualmente atende a máis de 30.000 pacientes.
O traslado das dependencias de Dermatoloxía ao Centro de Especialidades de Mollabao permitirá acometer, nos próximos meses, importantes melloras no hospital Provincial para os pacientes das áreas oncolóxica e psiquiátrica.