María Rey considera "intolerable" que o goberno de Lores non tramite a moción que lle pedía máis transparencia
Por Redacción
No último pleno aprobábase cos votos a favor de toda a oposición a moción do grupo municipal de Cidadáns na que se instaba ao goberno de Fernández lores a sacar a concurso os contratos menores superiores a 20.000 euros en caso de obras e 6.000 euros para outros servizos. Tamén se propoñía a creación dun rexistro de empresas ás que se fixese chegar as ofertas de contratos menores para que todas concorresen en igualdade de condicións e a elaboración dun protocolo de tramitación.
Con todo, o portavoz do goberno local, Raimundo González, sinalaba que non se ía executar esta moción aprobada porque se trataba dun acordo lesivo para os intereses dos veciños.
María Rey, portavoz local de Cidadáns, considera "insultante" este argumento e sinala que é necesario ofrecer as mesmas oportunidades a todas as empresas. Sinala que mantivo conversacións con técnicos municipais que lle aseguraron que a proposta é viable.
Rey insiste en que se trata de reorganizar e xestionar para que a cidade creza. E critica as negativas do grupo de goberno á elaboración do PXOM, do acondicionamento de Monte Porreiro, de melloras no rural ou no saneamento para preguntarse se só hai apoio aos lombos