Oito de cada dez contratos do Concello, segundo o PP, foron "a dedo" no 2016

Por Redacción
Dos máis de 17,3 millóns de euros que o Concello de Pontevedra destinou a contratacións no ano 2016, 14,2 millóns correspóndense con trámites "a dedo". Así o denuncia o Partido Popular tras a exposición pública da conta xeral correspondente ao ano pasado.
Este nivel de contratos é "escandaloso", segundo o PP, que evidencia a política "caciquil" do BNG en Pontevedra, partido ao que acusan de favorecer o "clientelismo".
O voceiro popular, Jacobo Moreira, asegura que máis do 80% das contratacións realizadas o pasado ano realizáronse a través da modalidade negociados sen publicidade e contratacións directas, procedementos aos que os concellos poden recorrer "de xeito puntual".
Con todo, o PP lamenta que o goberno municipal empregue estes procesos como "práctica habitual" en detrimento dos "intereses económicos" de todos os veciños de Pontevedra. Este uso "abusivo", engadiu Moreira, "nada favorece ás arcas municipais".
"O concurso público debería ser o mecanismo empregado na maioría dos casos, posto que unha maior competencia permite un maior prezo de mercado", lembrou o edil popular, "pero lamentablemente o BNG de Lores opta por empregar o fraccionamento de contrato para esquivar así a libre competencia e non superar o límite disposto pola lei".
Tras lograr acadar o apoio de toda a corporación municipal para que o goberno local cumpra a lei de transparencia con respecto aos contratos negociados con e sen publicidade, os populares demandan "de xeito inmediato" un xiro na política económica do Concello.