Que chova! Os balnearios estiman unha ocupación de ata un 90% durante a Semana Santa
Por Oskar Viéitez
Segundo os datos aportados pola Asociación de Balnearios de Galicia a provincia de Pontevedra presenta unhas cifras de ocupación dos seus establecementos termais moi desiguais, que van dende o 60 ata o 90%.
O secretario tesoureiro desta Asociación, Benigno Amor, valora estas cifras como "moi positivas", en comparación coas estimacións que se agardan para o resto do sector turístico.
"Isto significa que os balnearios teñen un prestixio, os usuarios posúen un coñecemento cada vez mellor das súas ofertas e, ademais, existen programas terapéuticos cunha demanda crecente", sinala.
Nesta liña, salienta que a xente que opta por un balneario por motivos lúdicos pode aproveitar tamén para beneficiarse dos programas terapéuticos destinados a tratar doenzas crónicas como reuma, trastornos respiratorios ou problemas na pel, entre outros.
"O mal tempo non é un impedimento para acudir a un balneario. Son lugares cunha oferta lúdica moi atractiva para todos os públicos e mesmo para as familias a través do programa de Turismo Termal Familiar, que complementa o circuíto no balneario con propostas de lecer no seu contorno", apunta Amor.
O voceiro da Asociación resalta ademais que "os balnearios son dinamizadores socioeconómicos do territorio no que se sitúan, aínda en tempos de crise".