Incautan 600 litros de licor de bagazo comercializado de forma fraudulenta
Por Redacción
Sen ningún tipo de etiqueta nin marcas fiscais. Así localizaron os axentes da Garda Civil, en colaboración coa Axencia Tributaria, unha partida de 600 litros de licor de bagazo que se estaba comercializando de forma fraudulenta a través dunha distribuidora de bebidas alcohólicas da comarca do Morrazo.
Segundo informou o instituto armado, a actuación foi levada a cabo pola patrulla fiscal e de fronteiras da Garda Civil, con sede en Marín. Foi unha inspección rutineira realizada para comprobar o cumprimento da normativa sanitaria e fiscal da mercadoría que estaba disposta para a venda.
No transcurso da inspección, nun almacén anexo á nave principal, a Garda Civil localizou un palé que contiña 50 caixas, con 600 litros de licor de bagazo, distribuídos en 200 garrafas de 3 litros cada unha, sen ningún tipo de marca fiscal nin etiquetaxe que puidese determinar a súa trazabilidade, segundo dispón a lexislación vixente.
En consecuencia, os efectivos da patrulla fiscal e de fronteiras procederon á incautación da mercadoría, que quedou precintada e depositada preventivamente na mesma empresa.
O responsable da distribuidora foi denunciado por dúas infraccións administrativas, por carecer as bebidas dos precintos fiscais e por violar a lei de protección xeral dos consumidores.
Esta última ten a súa orixe no risco que a venda do alcol podería supoñer para a saúde pública, dado que ao carecer de etiquetas comerciais pérdese a trazabilidade do produto e non se pode coñecer a empresa responsable da súa elaboración e distribución.