Aumentan a protección dos encoros do Pontillón e Umia ao cualificalos zonas sensibles
Por Redacción
As rías de Pontevedra e Ferrol eran ata agora os únicos puntos considerados como zonas sensibles no ámbito territorial das bacías de Galicia- Costa. Dende este mércores, pasan a ser 24 e entre eles atópanse os encoros do Pontillón do Castro e A Baxe (no río Umia). Esta cualifcación engade un novo elemento de protección que axudará á súa preservación.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través de Augas de Galicia, publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se revisa a declaración de zonas sensibles no ámbito territorial das bacías de Galicia- Costa. Cualifícanse como novas zonas sensibles 13 encoros de abastecemento e 9 zonas húmidas e mantense esta clasificación para as rías de Ferrol e Pontevedra; polo tanto, esas masas de auga pasan de dúas a 24.
A declaración destas zonas sensibles supón un maior control das achegas de nutrientes a estas 24 masas de auga co fin de evitar a súa eutrofización. A lexislación europea esixe aplicar nas autorizacións de verteduras que poidan afectar masas de auga declaradas como zonas sensibles, maiores restricións sobre as concentracións de nutrientes que se autoriza verter. A súa importancia demóstrase en que os nutrientes, fosfatos e nitratos, son as principais causas de proliferación de cianobacterias nos encoros de Galicia.
Cómpre destacar que estes 13 encoros subministran un caudal de case 1,7 millóns de habitantes, polo que con esta declaración a Xunta avanza na protección destes recursos estratéxicos para o desenvolvemento socioeconómico destas rexións.
Os traballos derivados da revisión da declaración das rías de Ferrol e Pontevedra como zonas sensibles da demarcación de Galicia- Costa conclúen que cómpre manter tal designación destas masas de auga.