Dúas familias de Ponte Caldelas acollen este verán nenas saharauís
Por Redacción
Tutu e Haria. Así se chaman as dúas nenas saharauís que pasarán o verán con dúas familias de Ponte Caldelas. Todos eles visitaron o Concello e o alcalde prometeulles que o goberno municipal incluirá, entre as súas liñas de actuación, a colaboración económica cos gastos de desprazamento dos nenos e nenas saharauís que pasan as vacacións en Galicia.
O goberno local xa mantiña contactos coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui (SOGAPS), pero agora formalizaranse a través da sinatura dun convenio.
O municipio, despois de varios anos sen participar nesta iniciativa solidaria, volve este ano coa estadía destas dúas rapazas, unha cifra que se aspira a manter e mesmo incrementar en anos sucesivos. Ambas as dúas teñen 11 anos e o programa céntrase nos rapaces que van dos 8 aos 12 anos, polo que, previsiblemente, volverán o ano próximo.
SOGAPS trae a Galicia un total de 325 pequenos e pequenas dende os campamentos arxelinos onde viven en condicións moi precarias. Os gastos do avión son moi elevados, pois só está dispoñible o aeroporto militar de Tinduf, onde opera unha única compañía.
Andrés Díaz adiantou a vontade do Concello para colaborar e felicitou expresamente a Cali e a Belén e Manolo, os integrantes das dúas familias caldeláns que están a acoller ás nenas refuxiadas saharauís.
A parella ten tamén dous fillos, que gozan así dunha oportunidade educativa de primeiro orde, ao convivir durante dous meses cunha rapaza da súa idade que chega dun campamento humanitario no deserto e que carece dos bens e servizos máis elementais.
A xornada serviu tamén para comentar o carácter alegre e participativo dos nenos saharauís, pois adáptanse cunha rapidez asombrosa, aprenden o idioma, fan amigos con total naturalidade e participan activamente da vida social do municipio.
Relacionadas:
-
"Todos los niños saharauis queremos que nuestro país sea libre"
Por Redacción |
-
A provincia acolle 200 menores saharauís, nenos que choran cando arde o "verde" dos nosos montes
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |
-
RADIO.- Familias acolledoras durante as vacacións e máis...
Por Marisa Ciordia |
-
Ali-Salem, Lashan, Salamo e Karima despídense de Bueu
Por Redacción |
-
A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí pide un préstamo para manter o programa "Vacacións en Paz"
Por Oskar Viéitez |