La Deputación recibe 3,5 millones de euros de fondos europeos para proyectos de empleo
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra acaba de recibir case 3,5 millóns de euros de fondos europeos para a posta en marcha de diferentes proxectos de emprego destinados especialmente a persoas en risco de exclusión social e xente nova.
Así o anunciou este venres a presidenta da institución provincial, Carmela Silva, que detallou que recibiron 2.327.871,88 de euros para o proxecto 'DepoIntegra Xove' e 945.364,93 para 'Depoemprende', con dúas edicións.
O obxectivo destes tres programas é fomentar o emprego entre a cidadanía pontevedresa porque desde a Deputación "somos conscientes dos graves problemas que existen na actualidade para a inserción laboral" na provincia, na comunidade e en todo o Estado. "Na medida que nos permiten as nosas competencias estamos a facer o posible para mellorar a situación", sinalou Carmela Silva.
'DepoIntegra Xove' está destinado a mozos da provincia maiores de 16 e menores de 30 anos non ocupados nin integrados nos sistemas de educación ou formación, independentemente do seu nivel formativo. Vai destinado a persoas rexistradas no ficheiro do Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, que estean ou non inscritas como solicitantes de emprego. Dáse prioridade ás mulleres, persoas paradas de longa duración, colectivos máis desfavorecidos ou en risco de exclusión. Ofertaranse 405 prazas e impartiranse 27 accións formativas que terán lugar nas comarcas de Pontevedra, O Baixo Miño, Vigo, Caldas, Deza e O Morrazo.
'Depoemprende' pretende mellorar as capacidades dos mozos que queiran ser emprendedores con formación e asesoramento e loitar contra o despoboamento do medio rural da provincia fomentando a igualdade de oportunidades no acceso á formación. Está destinado a persoas desempregadas menores de 30 anos. Impartiranse accións formativas e de promoción en Pontevedra, Cangas, Porriño, Vigo, Vilagarcía e Ponteareas.
Relacionadas:
-
A Xunta destina axudas a O Salnés e Caldas para mellorar as oportunidades laborais do rural
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación aproba outros 280.000 euros para o fomento do autoemprego
Por Redacción |
-
A Deputación incorpora aos seus programas de igualdade as demandas de 234 entidades da provincia
Por Redacción |