"O galego vende. Non é mellor nin peor que outros, pero é o noso. O normal é usalo na vida cotiá"
Por Alejandro Espiño
"O galego vende. Non é mellor nin peor que outros, pero é o noso. O normal é usalo na vida cotiá". Así resumía o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, o espírito da campaña Proba en galego, á que este martes adheríronse de forma oficial unha trintena de establecementos comerciais da cidade. Atenderán á súa clientela, preferentemente, en galego e toda a súa cartelería, a súa publicidade e os seus elementos exteriores usarán este idioma.
Esta campaña procura implicar a todas as persoas que traballan no comercio pontevedrés na mellora do uso do galego coa súa clientela e coas empresas provedoras e servirá para estimular á clientela falante de galego para que manteña a súa lingua habitual nas relacións comerciais co pequeno e mediano comercio da cidade e animar á que non fala galego habitualmente a que probe a facelo.
Neste sentido, Miguel Fernández Lores explicou aos comerciantes que coa firma deste convenio de colaboración coa concellería de Normalización Lingüística, comprométense a integrar o galego na actividade diaria dunha cidade "que construímos entre todos" e da que, sinalou, "hai que contruíla tamén na lingua do noso país".
As empresas que asinaron este compromiso coa lingua son Autocares Vda. de Cándido, A Formiga no Carreiro, Bolboretas de Papel, Cafetería Tamanaco, Centro de ensino ENOT, Cervexaría O Gato Cheshire, Cervexería O Grifón, Corner Sports Bar, Dicenfot Fotografía, Disney Pontevedra, Droguería Moderna, Entretementos Play, Ernesto Filgueira, Estouche Ben!. Centro de Terapias, Flanagan, Cocktails & Gin, Joyamar, Juancartepiedra, Libraría Paz, Lourdes Sampedro Lencería, Olbe Téxtil, Peral Moda, Portal 48 Espazo para a Creación, Quercus Armarios e Vestidores, Rei Zentolo, Restaurante O Eirado da Leña, Saraiba Centro de Día, Ultramarinos O Cisne, Viñoteca Bagos e Cafetería Carabela.
Esta campaña enmárcase, segundo Fernández Lores, na "continua" aposta do goberno municipal polo pequeno comercio, "que é o que xera emprego, consume produtos do país, revirte os beneficios económicos na propia cidade e é o mellor exemplo do comercio de proximidade". En todos eles, o Concello de Pontevedra pretende normalizar o uso do galego ao recoñecer que "o seu uso segue perdéndose".