Queixas en Marín polo uso indiscriminado dos aparcamentos para discapacitados
Por Redacción
O Concello de Marín asegura recibir nos últimos días numerosas queixas de persoas con mobilidade reducida que denuncian que as prazas reservadas para aparcadoiros son ocupadas reiteradamente por condutores que non teñen a autorización pertinente.
Así, o goberno municipal ordenou á Policía Local que realice un control exhaustivo destas prazas, para evitar que sexan ocupadas por persoas que non poden aparcar nelas.
Esta infracción, lembran, leva unha multa de 200 euros.
A Policía Local, neste sentido, abriu dilixencias xudiciais este mesmo xoves contra un particular que falsificara a documentación para poder aparcar nestas prazas reservadas.
Trátase dun delito de falsificación de documento público, polo que se deu traslado do caso ao xulgado de garda de Marín.