As estradas provinciais de Poio estrearán seis novos lombos en cuestión de semanas
Por Redacción
A empresas Taboada y Ramos iniciará nas vindeiras semanas a execución de seis lombos na estrada provincial EP-0602 en Poio. Trátase de redutores físicos de velocidade solicitados polo Concello dentro do Plan Móvese da Deputación Provincial.
Segundo informou o organismo provincial, trátase de seis pasos de peóns sobreelevados que se instalarán en diferentes puntos quilométricos da estrada entre Portosanto-Campelo-Lourido. Terán un largo de entre sete e dez metros e contarán con nova iluminación, xa que todos están entre beirarrúas.
Tamén se instalará un redutor sen paso de peóns e haberá outras estradas con elementos de redución de velocidade. Estas instalacións estarán nas vías que unen a C-550-Muiño e Campañó, a C-550-Calvito-Pereiro e Pereiro-Covelo, ademais dos que se incluirán no proxecto de mellora para a estrada Portosanto-Campelo-C550 (EP-0601), que está en fase de redacción.
A Deputación tamén deu a coñecer que está a realizar nestes días os traballos de repintado e mellora da nova sinalización horizontal en 11,2 quilómetros da estrada provincial EP-0602 Portosanto-Lourido-Campelo. Haberá nova sinalización horizontal con marcas lonxitudinais, illotes e zonas cebreadas e supoñen un investimento de 5.758,80 euros.
Nos últimos días a empresa adxudicataria do lote correspondente á comarca de Pontevedra do plan provincial de mellora de sinalización está tamén a realizar o pintado da estrada provincial EP-0017 Vao-Campañó, e nas vindeiras semanas procederá a actuar no resto das vías de Pontevedra, Ponte Caldelas, A Lama, Cotobade e Barro, cun pintado total de 332,8 quilómetros na comarca.