A CIG alerta de que o 15 de abril remata o prazo para acollerse á lei actual de xubilación parcial
Por Anxo Lourido
A xubilación parcial contempla o período en que un traballador vai deixando o seu posto de traballo de forma gradual, cobrando da empresa e tamén da pensión. Non obstante, o goberno de Rajoy decidiu restrinxir este sistema.
O Boletín oficial do Estado publicaba o 16 de marzo o cambio na normativa laboral e establecía un prazo que finaliza o 15 de abril para que os traballadores que naceran antes do ano 57 interesados nesta fórmula de xubilación, poidan solicitalo na Seguridade Social. A cuestión é que o prazo parece ter pasado desapercibido entre a maioría dos empregados que se encontren nesta situación.
Dende a CIG quixeron alertar da necesidade de que as empresas presenten a documentación para que se poidan verse beneficiada pola normativa actual, moito máis beneficiosa que a que se aprobou recentemente para intentar reducir estas fórmulas e que obriga a contar con máis anos cotizados.
O secretario comarcal da CIG, Rafael Iglesias e Marcos Conde afirmaban que este sistema de xubilación parcial afecta a todos os sectores e tamén a aquelas empresas que carecen de delegados sindicais, polo que entenden que son os que corren máis risco de carecer de información sobre este prazo de presentación.